subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O goberno de Oroso reordena as súas competencias para afrontar a segunda parte da lexislatura "co reto de superar a pandemia e moitos proxectos para mellorar a vida dos veciños"


orosoO grupo de goberno do Concello de Oroso reordenou as súas competencias e responsabilidades co obxectivo de afrontar a segunda parte da lexislatura, na que o principal reto será recuperar a normalidade tras a dura pandemia do coronavirus.

Ademais da alcaldía, Luis Rey Villaverde asume as competencias de Economía e Facenda, Urbanismo, Seguridade Cidadán, Tráfico e Protección Civil. Pola súa parte, o novo concelleiro, José Calvo Rey, ocuparase de Obras, Servizos e Medio Ambiente.

Antonio Leira será concelleiro de Deportes, Promoción Económica, Emprego, Turismo, Parques Infantís e Comunicación; Vanesa Boo de Cultura, Comercio, Industria e Actividades Lúdicas, e Isabel Fernández de Mulleres, Ensino e Benestar Social.

Beatriz Rodeiro terá as responsabilidades de Sanidade, Réxime Interior, Persoal, Patrimonio, Voluntariado, Xuventude e Mobilidade, e Javier Grela será concelleiro de Relacións Veciñais, Parroquias, Medio Rural e Xardíns.

Nunha carta aos veciños e veciñas feita pública esta semana, Luis Rey fala dos próximos meses: “Desde que tomei posesión, son moitas as persoas que me preguntan polos proxectos que teño en mente para Oroso. Os teño, por suposto, pero ninguén debe esquecer que o principal reto a curto e medio prazo debe xer deixar atrás esta pandemia do coronavirus”.

“Como alcalde do Concello de Oroso, ese é o meu primeiro obxectivo: axudar en todo o que poida para deixar atrás a Covid-19 e recuperar a normalidade. Dentro das nosas competencias, continuaremos impulsando medidas e axudas para reactivar a economía e axudar aos sectores máis afectados pola pandemia. Nunca é suficiente, somos moi conscientes”, engade.