subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O pleno do Concello de Oroso demanda "mais servizos e persoal" no Centro de Saúde, ademais de recuperar a presencialidade na atención primaria


orosoO pleno do Concello de Oroso aprobou hoxe por unanimidade unha moción impulsada polo grupo de goberno na que demanda “melloras no aspecto de servizos e dotación de persoal” no centro de saúde.

“O Concello de Oroso conta cun centro de saúde moderno con moi bos profesionais sanitarios, pero é preciso recuperar a presencialidade na atención primaria, interrompida pola pandemia do coronavirus”, explicou Beatriz Rodeiro, concelleira de Sanidade.

“Entendemos a excepcionalidade do ano pasado, pero temos que recuperar a presencialidade para tratar moitas doenzas, xa que unha consulta telefónica ten moitas limitacións”, engadiu Rodeiro.

No debate da moción falouse do problema co servizo telefónico do centro, que provoca moitas veces aglomeracións. “Non ten xustificación neste caso a actitude da xerencia da área de saúde, xa que demandamos hai tempo unha reunión e nin sequera contesta”, apuntou o alcalde, Luis Rey.

No que respecta ás peticións de máis persoal, falouse entre outras especialidade da necesidade de incorporar ao centro de saúde un traballador social, unha demanda apoiada ademais polos propios profesionais sobre todo pensando nas xestións coas persoas maiores de Oroso.

Por último, a moción demanda tamén á Xunta “máis profesionais sanitarios e unha maior estabilidade laboral para os mesmos, poñendo fin á elevada precariedade existente no sistema sanitario galego”.

Na sesión plenaria de hoxe debatiuse outra moción sobre os fondos europeos Next Generation. O alcalde de Oroso lamenta que “non sexan os concellos os que os xestionen directamente”, á espera de coñecer como serán exactamente os criterios de reparto.