subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso lembra que os datos oficiais reflicten que "somos un municipio moi seguro", pero manterá as medidas de reforzo coa Policía Local e a Garda Civil


orosoO pleno do Concello de Oroso acolleu hoxe un pleno extraordinario solicitado polo PP para falar da seguridade no municipio.

As cifras oficiais da Delegación de Goberno son contundentes: o índice de criminalidade en Oroso é de 17,3 infraccións penais por cada 100.000 habitantes, case a metade da taxa galega, situada en 29,7, e moi por debaixo da do conxunto do Estado, que é de 39,2. Isto amosa que Oroso é un dos concellos máis seguros de Galicia.

A pesares desta situación, o concello puxo en marcha hai meses medidas de reforzo que manterá, como as patrullas nocturnas da Policía Local durante a fin de semana para controlar os botellóns. “Somos os primeiros interesados en continuar sendo un concello seguro, polo que manteremos esta iniciativa”, explicou o alcalde, Luis Rey Villaverde

Ademais, o propio delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o alcalde de Oroso acordaron reforzar o mes pasado a presenza policial no concello para manter a actual garantía da seguridade pública. O consenso chegou nunha xuntanza que da resposta a unha petición do Executivo local.

O delegado garantiu o traballo da Garda Civil, que dará continuidade ao intenso esforzo que realiza o Concello de Oroso coa Policía Local. Ambos mandatarios coordinaron o dispositivo de seguridade e acordaron un reforzo para vindeiras datas.

“Oroso é un concello seguro para vivir, traballar e visitar, e por suposto rexeitamos calquera tipo de violencia ou acto vandálico”, engadiu Antonio Leira

Como nova medida para coordinar as accións neste ámbito, o Concello de Oroso contará cunha Xunta Local de Seguridade.