subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O goberno de Oroso aprobará o venres un orzamento de 8,2 M€, un 9,5% máis que o actual


O alcalde, Luis Rey, destaca que o capítulo de investimentos medra un 69,28 % ata situarse nos 2,1 millóns de euros, “á espera de engadir preto dun millón de euros máis dos remanentes e do POS”

Resalta tamén que baixa a presión fiscal, redúcense os gastos correntes, increméntase o gasto social un 15% e deixarase a débeda a cero coa amortización do único crédito vixente

orosoO goberno local de Oroso aprobará este venres no pleno convocado para as 9.30 horas o orzamento municipal para o exercicio de 2023, que ascenderá a 8,2 millóns de euros, o que representa un incremento do 9,52% respecto ao do ano en vigor (7,5 millóns de euros).

Tras indicar que o proxecto orzamentario conta cos informes favorables de Intervención e Secretaría, o alcalde, Luis Rey, apuntou que trátase duns “orzamentos que conxugan a sensibilidade do goberno local coa complicada conxuntura socioeconómica actual que teñen que afrontar as familias e cunha forte aposta inversora para seguir transformando e mellorando Oroso”.

Precisamente, en relación aos investimentos, o rexedor indicou que este capítulo medra un 69,28% ata situarse nos 2,1 millóns de euros, cantidade que agarda incrementar notablemente “á espera de engadir preto dun millón de euros máis dos remanentes e do POS”. Entre as actuacións con partidas xa consignadas citou os 465.000 euros destinados ao comezo da reforma da piscina municipal; 316.000 euros para a mellora da rede viaria Baiuca, Requeixo e Castro-Burgao-Piñeiro; 172.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética en Porto Avieira; 152.000 euros para a mellora da rede viaria en Altiboia; 139.000 euros para a ampliación do saneamento desde Os Carballos ata Vilar de Arriba; e 110.000 euros para a mellora de pistas en Piñeirón, Arderís e Senra.

En canto ao capítulo de gastos, Luis Rey explicou que estes orzamentos reducen os gastos en bens correntes e servizos (-5,5%) e, pola contra, incrementan o gasto social en aproximadamente un 15% “para atender as necesidades das persoas con menos recursos e que peor o están a pasar nestes momentos”. Outras partidas que medran substancialmente son a de deportes e a de comercio, turismo e pemes, un 78% superior á do orzamento vixente.

Rebaixa da presión fiscal

O alcalde tamén resalta que os orzamentos inclúen unha “importante rebaixa da presión fiscal”, que cifra en máis de 300.000 euros, debido á supresión do imposto da plusvalía e ao feito de non repercutir na veciñanza nin a actualización do IPC na taxa da auga e o saneamento nin o custo da incorporación da recollida orgánica, o denominado contedor marrón, na taxa da xestión dos residuos. Finalmente, Luis Rey subliñou que a “xestión responsable” do goberno local permitirá completar en 2023 a amortización do último crédito vixente e deixar a débeda bancaria a cero.

Descargar os orzamentos municipais para 2023