subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso pon en marcha un novo servizo de atención directa cos veciños das parroquias para solucionar calquera tipo de problema ou incidencia


orosoO Concello de Oroso pon en marcha unha nova iniciativa para os veciños e veciñas das parroquias, neste caso un servizo de atención directa dirixido a solucionar calquera tipo de problema ou incidencia que afecte á súa vida diaria.

“Moitas veces queda sen luz unha farola, hai algún desperfecto nunha sinal de tráfico ou cae unha rama dunha árbore nun camiño do rural e queremos darlle solución a este tipo de problemas no menor prazo de tempo posible, polo que axilizaremos o procedemento”, explica Luis Rey, alcalde de Oroso.

A partir de agora, o único que teñen que facer os veciños de Oroso é chamar ao número de teléfono 654 343 809 ou escribir un mail a info@oroso.gal e serán atendidos de forma inmediata polo concello.

José Calvo, o novo concelleiro que entrou na corporación o mes pasado, será o encargado deste servizo, unha mostra máis do compromiso do grupo de goberno de Oroso co rural.

“Vivimos nun concello cunha contorna natural que temos que coidar entre todos, a renovación continua dos servizos e infraestruturas nas parroquias será unha prioridade para min, dando continuidade ao que xa se estaba facendo”, engade Luis Rey.

“Non hai mellor maneira de enterarnos dalgunha carencia ou incidencia que decirlle ao propio veciño que nos chame, que garde o número desta liña que poñemos á súa disposición e a utilice”, remata o alcalde.

Ademais deste novo servizo de comunicación, o Concello de Oroso aproveitará os meses de verán para acometer un conxunto de obras no rural cun investimento global dun millón de euros, mellorando sobre todo o estado de numerosos camiños e viais.