subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso espera implicar a cen empresas e comercios do municipio na campaña contra a violencia de xénero “Abre os Ollos”.


Técnicos do Concello iniciaron hoxe as visitas a empresas e comercios de cara a preparar a campaña dos días 23 e 24 de novembro.

O Concello de Oroso iniciou esta mañá as visitas a empresas e comercios do municipio de cara a conseguir a súa participación na campaña contra a violencia de xénero, que se desenvolverá os días 23 e 24 de novembro. Durante eses dous días, os distintos establecementos comerciais de Oroso que se adhiran á campaña entregaranlles aos seus clientes unhas bolsas de compra reutilizables co lema da campaña, “Abre os ollos”, en troques da bolsa habitual de cada establecemento.

A concelleira de muller e igualdade, María del Carmen Liste, indica que “esperamos implicar a unhas 100 empresas e comercio nesta campaña xa que pensamos que acabar coa lacra social da violencia de xénero é unha tarefa que nos implica a todos e todas”. O Concello de Oroso realizará visitas a todas as empresas e comercios do municipio para presentarlles esta campaña contra a violencia de xénero, se ben tan só buscará a participación na entrega de bolsas daqueles establecementos que habitualmente repartan bolsas coas compras.

Implicar a todos e todas

O obxectivo é implicar a todos os comerciantes e empresarios de Oroso na loita contra a violencia de xénero, que asinen un manifesto en contra da violencia contra as mulleres e que colaboren na difusión da campaña “Abre os ollos”. “Estes contactos que hoxe iniciamos servirán tamén para establecer o número de bolsas precisas para a campaña e se as prefiren de papel ou biodegradables”, explica Liste Raña.

Esta actividade do programa “Abre os Ollos” está organizada e coordinada polo Concello de Oroso, grazas ao financiamento da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo. Para o seu desenvolvemento, o Concello de Oroso contará coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, a través do Centro de Información á Muller, e das distintas asociacións do municipio.