MANIFESTO DO CONCELLO DE OROSO “8 DE MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER”
Un ano máis o Concello de Oroso conmemora o Día Internacional da Muller. Unha data para o recoñecemento, para a reinvindicación pero tamén para a denuncia. É un día para lembrar e apoiar a dura loita das mulleres ao longo dos anos para acadar as mesmas oportunidades que os homes.
Hoxe en día as mulleres teñen maior presenza na vida económica, social e política grazas ao esforzo e o sacrificio individual e colectivo, e queremos expresar o noso recoñecemento e admiración a todas aquelas mulleres que día a día, coa súa participación na sociedade, loitan para que a igualdade de oportunidades sexa unha realidade.
A pesares dos logros alcanzados a igualdade non é de todo efectiva, aínda existen desequilibrios, tal como evidencian anualmente as estatísticas e os estudos sobre a ocupación laboral, a realidade salarial, as diversas formas de explotación e violencia, e as sobrecargas sociais e familiares que aínda hoxe lastran o desenvolvemento persoal e social das mulleres.
Debemos traballar por conseguir un modelo social máis igualitario coa incorporación das mulleres a un emprego de calidade, fundamental para que todas as persoas logren a súa autonomía. Pero non so na esfera profesional debemos mellorar, senón tamén é fundamental que exista un reparto máis equilibrado das responsabilidades familiares entre as mulleres e os homes. Segue sendo unha materia pendente a corresponsabilidade no eido doméstico e familiar, para evitar que as mulleres sufran unha dobre xornada laboral.
É preciso que sigamos traballando pola igualdade e a emancipación das mulleres, porque a democracia ten como piar a igualdade, a xustiza e a equidade. A administración pública debe poñer en marcha políticas que xeren benestar social e a plena participación de todas as persoas no eido público e privado, fomentando que as mulleres acaden as cotas de desenvolvemento persoal e profesional desexado.
O cambio é unha responsabilidade individual e colectiva.