subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

13 de abril de 1846: Conmemoración da Batalla de Sigüeiro


A Batalla de Sigüeiro e o levantamento progresista do ano 1846

orosoDurante a segunda metade do século XIX, o Partido Moderado e o Partido Progresista gobernan o Estado español de forma alternativa. A partir do ano 1843 ocupa o poder o Partido Moderado, nomeando a un militar, o xeneral Ramón María Narváez, xefe do Goberno con atribucións que o converten nun ditador.

É entón cando no noso país o Partido Progresista, apoiado por militares liberais e universitarios, deciden derrubar o goberno de Narváez a través de pronunciamentos militares asentidos por membros de todas as clases sociais.

Apoian o pronunciamento os progresistas, os liberais e os chamados “provincialistas”, que querían que Galiza fose unha soa provincia, con certa autonomía e Institucións propias. Estes provincialistas progresistas posteriormente converteríanse en “rexionalistas” e no século XX en “galeguistas”. O día 2 de abril do ano 1846 pronúnciase en Lugo o comandante Miguel Solís y Cuetos apoiado polas forzas progresistas da cidade. Días despois levántase o exército en Santiago ao que se unen as milicias universitarias.

O exército de Miguel Solís (xunto con centos de voluntarios) trasládase de Lugo a Santiago e de Santiago cara A Coruña, mais o día 8 de abril do ano 1846 baten en Sigüeiro co Exército español. Sen renderse, Solís recúa a Compostela. Non hai vítimas.

Mentres, o levantamento revolucionario espállase e nos días posteriores sublévanse militares e civís nas cidades de Pontevedra, Vigo ou Tui.

O día 13 de abril do ano 1846 prodúcese o segundo encontro en Sigüeiro (ao lado da Ponte sobre o Tambre e da hoxe desaparecida fábrica de curtidos), a denominada BATALLA DE SIGÜEIRO entre o exército progresista e o exército conservador mandado desde Madrid. Según documentos da época, hai un cento de vítimas e os dous bandos retíranse de Sigüeiro en dirección a Compostela.

Uns días despois entran no país grandes continxentes do Exército español para sufocar a rebelión. Debido á súa superioridade e organización, os militares derrotan ao exército progresista na “Batalla de Cacheiras” o día 23. Solís e os seus seguidores retíranse cara a Compostela, para ao final renderse. Os líderes da revolta son apresados e conducidos a Ordes para ser xulgados ou asasinados.

Ao final será en Carral onde os fusilen o día 26 de abril de 1846. Nesta vila levántase unha gran cruz en homenaxe aos vencidos, os denominados “Mártires de Carral”. Os rebeldes que non caeron fusilados, foron encadeados, perseguidos, desterrados… moitos tiveron que fuxir a Portugal; é o caso de Antolín Faraldo, un dos líderes intelectuais da revolta.

Oroso quere por no seu almanaque da historia estas datas nas que as augas do Tambre se tinxiron de cor vermella, de persoas que loitaron pola xustiza e a dignidade do noso país e que merecen ser lembradas.

Para máis información sobre a Batalla, hai un tríptico editado polo Concello que se pode recoller de balde na Biblioteca Municipal.