subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Historia

escudoA forma de vida dos antigos poboadores do territorio que actualmente coñecemos como OROSO, non foi diferente ao resto dos concellos que configuran o territorio galego. De acordo cos restos arqueolóxicos encontrados, debemos supoñer que estas terras foron ocupadas antes do denominado paleolítoco inferior, é decir, hai uns 25000 anos a.C., data correspondente ó xacemento arqueolóxico das Gándaras de Budiño.

Co neolítico nace unha nova forma de vida que leva aparellada a domesticación da natureza e dos animais. Este período correspóndese co megalítismo, a primeira arquitectura lítica da que temos constancia no noso concello. A cultura megalítica deixou a súa pegada nun bo número de medorras ou mámoas que aparecen diseminadas polas distintas parroquias e que temos que situar cronoloxicamente entre o ano 3500 e o 1500 a.d.C.

Co paso dos séculos, as comunidades vanse desenvolvendo ata chegar a unha certa xerarquización e enfrontamento entre os grupos que comparten este espazo xeográfico.
Coa chegada da idade de ferro, desenvólvese a cultura castrexa, que comeza a finais da idade do bronce, século VII a.C., e chega ata o século V. Neste gran período histórico aparece a romanización, o sometemento de moitas tribos ou pobos galaicos por parte do Imperio Romano.

A idade do ferro trouxo ao noso concello os primeiros asentamentos estables: os castros, situados en lugares elevados, de estrutura circular e defendidos por fosos. En Oroso hai boa mostra de como eran estes recintos, aínda que desgraciadamente a maioría deles están desfeitos e só queda o topónimo. Unha proba da cerámica e da metalurxia que utilizaban os poboadores dos castros, podémola ver no interesante "Tesouro de Recouso" (Marzoa), unha serie de pezas de ouro que podemos datar entre os séculos IV e I a.C.

Coa incorporación destas terras ó Imperio Romano e a organización do territorio que este deseña, constrúense vías de comunicación tanto principais como secundarias que cruzan o concello de Oroso. Algúns historiadores sitúan a mansión "Trigundo" en Sigüeiro, ao longo da vía nºXX, de Bracara a Lucus pola costa. Do mesmo xeito temos que deducir que a Ponte Sigüeiro ten a súa orixe nunha ponte romana.

Despois da desmembración do Imperio Romano e co decorrer dos séculos, as vilas de orixe romano serven como base da sociedade feudal ata o século XVIII. Mais temos que deternos nun feito que influíu fortemente na nosa sociedade cando corría o século IX, data da suposta aparición dos restos do Apóstolo Santiago en Compostela.

Despois da noticia, milleiros de peregrinos desprázanse a Compostela por todos os camiños que conducen a ela. Polo denominado Camiño Inglés ou Antigo Camiño Real, que cruza o noso concello, pasaron todos os peregrinos procedentes de Europa e que desembarcaban nos portos do Golfo Ártabro.
Pola Baxoia, Agrelo, A Santiña, Alto do Mouro, Vilalbarro, A Ulloa, Ponte Sigüeiro ... modernos peregrinos seguen as pegadas dos seus antecesores coa meta de abrazar ao Apóstolo Santiago en Compostela.

Polo concello de Oroso discorren outros camiños medievais que comunicaban centros de poder político e relixioso, como o Camiño Grande entre Santiago e Betanzos e o Camiño de Sobrado.

escudo_ponteA Ponte Sigüeiro, posiblemente o elemento máis emblemático do concello de Oroso, foi construída sobre o río Tambre ou Tamara, tal e como aparece en varios mapas do século XVIII. Tambre, que ten a raíz Tam-, significa correr, fluír, cara ao mar, mais tamén podemos aplicalo aos romeiros, que dende moi lonxe corren cara á Compostela para encontrarse co seu benfeitor. Un dos arcos desta ponte foi mandado construír por Fernán Pérez de Andrade no século XIV. A Ponte Sigüeiro foi testemuña muda de moitos acontecementos históricos, dende os sucedidos por disputas nobiliarias, ata as batallas protagonizadas por Solís a mediados do século XIX.

O concello de Oroso é rico en arquitectura civil e relixiosa. Dentro da primeira destacamos o Pazo de Meimixe, do século XVIII, onde chama a atención o seu hórreo descomunal. Pazo de MeimixeA Casa dos Somoza en Marzoa e a Casa de Vilar de Abaixo, en Deixebre, son dous exemplos de arquitectura civil do século XIX. Ao longo dos cinco ríos que regan o concello (Tambre, Maruzo, Samo, Lengüelle e Carboeiro) aparecen numerosos muíños que forman parte do proceso de elaboración do pan. Algúns hórreos resisten ao tempo e continúan en pé, como símbolo dunha economía de autosuficiencia que se resiste a morrer. Dentro deste tipo de construcións hai que destacar os hórreos de Gadamil (Vilarromariz) cunha tipoloxía propia da zona.

Dentro da arquitectura relixiosa, destacar todos os cruceiros, sobre todo o de Oroso e os elementos barrocos que gardan as igrexas da Gándara e Senra.

Medorras ou Mámoas

Cultura Megalítica, entre o ano 3500 ao 1500 a.C., aproximadamente

  • Medorra de Vilar de Arriba (Bouzalonga - Deixebre)
  • Medorra do Coto do Lobo (Recouso - Marzoa)
  • Medorra de Recouso - Marzoa
  • Medorra do Petón - Senra
  • Medorra de Gadamil - Vilarromariz

Castros

Cultura Castrexa ou tamén Galaico-Romana. Século V-VI ao V d.C., aproximadamente

  • Castro de Recouso - Marzoa. Onde apareceu o famoso Tesouro de Recouso
  • O Castro. Campo da Igrexa - Marzoa
  • Castro de Bouzalonga - Deixebre
  • Os Castros - Trasmonte
  • O Castro - Deixebre
  • Castro de San Román - Pasarelos
  • Castro de Vilalbarro - Oroso
  • Castro de Ardrís - Senra
  • Castro de Vilacide - Oroso
  • Castro de Vilares - Oroso
  • Castro de Senra - Senra
A maioría están totalmente desfeitos e só se conserva o topónimo.

Manuel Pazos Gómez
Asociación Cultural "Obradoiro da História"