subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso investiu 22.000 euros nas últimas semanas en tarefas para que os centros de ensino comecen o curso nas mellores condicións


orosoO alcalde de Oroso, Luis Rey, e a concelleira de Ensino, Isabel Fernández, visitaron as obras realizadas nos centros de ensino do concello co gallo do comezo do curso 2021-2022.

Reuníronse ademais coas nais e pais da aula de Deixebre do CRA (Centro Rural Agrupado) onde se comezará a impartir este curso o primeiro ciclo de Educación Primaria, co obxectivo de comentarlles e ensinarlles as reformas que se levaron a cabo para adaptar a escola á nova realidade, e escoitar as súas demandas e suxestións.

O Concello de Oroso investiu 22.000 euros para realizar as obras precisas para cubrir as necesidades educativas do alumnado, asumindo incluso competencias que non lle corresponden.

Asemade, a Concellaría de Mulleres e Benestar Social aproveitou para mostrar a súa preocupación pola defensa da diversidade, pintando varios bancos dos centros educativos coas cores da bandeira LGTBIQ+.

“Aproveitamos para desexarlle ao alumnado un bo comezo de curso, agardando que resulte cando menos tan ben como o anterior grazas á implicación e compromiso de toda a comunidade educativa”, asegura a concelleira Isabel Fernández.

Na mesma liña manifestouse o alcalde, Luis Rey, que se comprometeu “a manter e potenciar a aposta do noso concello polo ensino público e polos centros do rural, moi necesarios para manter os servizos nas parroquias”.