subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Última semana para entregar os orixinais para participar no concurso de fotografía “Muller traballadora”.


 

O Concello de Oroso lembra que este xoves 28 de febreiro remata o prazo de entrega de orixinais para participar na terceira edición do concurso de fotografía “Muller traballadora”, un certame aberto tanto a profesionais como afeccionados á fotografía tanto de Oroso coma doutros municipios. A única esixencia é que a temática das imaxes debe xirar en torno a situacións que reflictan o traballo das mulleres, en calquera eido.

Cada participante poderá entregar ata un máximo de tres fotografías, que competirán por 500 euros en premios: 250 euros para a fotografía gañadora, así como 150 e 100 euros para o segundo e o terceiro clasificados. As fotografías, que deberán ser orixinais e non ter sido premiadas noutros concursos, terán que presentarse nun formato de 20 x 30 centímetros, en cor ou en branco e negro. Ademais, presentaranse na biblioteca municipal de Sigüeiro sen montar, sen paspartú, sen marco nin cristal. As bases do concurso prohiben ademais o uso de calquera programa de retoque fotográfico.

As fotografías entregaranse baixo o sistema de plica e cun CD coa imaxe en formato dixital. Ademais, aquelas imaxes nas que apareza unha persoa identificable deberán contar co consentimento da persoa retratada. Todas as bases do concurso poden descargase da web municipal.

O fallo do xurado darase a coñecer o vindeiro 8 de marzo, no marco das celebracións municipais do Día da Muller Traballadora. Ese día, e con todas as fotografías presentadas a concurso, o Concello de Oroso inaugurará unha exposición que poderá visitarse no centro cultural Fernando Casas e Novoa ata o 29 de marzo.